A avaliación é un proceso mediante o cal obtemos información de maneira continua e
sistemática para coñecer a idoneidade do proceso educativo dunha maneira global, así
como as decisións tomadas por parte dos docentes. Trátase dun elemento fundamental
da práctica educativa. O principal obxectivo da avaliación é o de recoller información continua co fin de mellorar, axustar e modificar (se é necesario) os procesos de ensino e aprendizaxe, e así contribuír a mellorar a calidade da educación.
A avaliación desta unidade didáctica será global (referirase ó conxunto de capacidades expresadas nos obxectivos xerais), continua (as docentes recollerán de modo continuo información sobre o proceso de ensinanza e aprendizaxe a través da observación directa e sistemática) e formativa (ó proporcionar unha información constante que permitirá mellorar tanto os procesos como os resultados da intervención educativa). Ademais contaremos cunha avaliación inicial na que se levará a cabo unha análise sobre cal é o coñecemento dos nenos e nenas neste ámbito e unha avaliación final para valorar as aprendizaxes, coñecementos e competencias que desenvolveron ó remate desta unidade didáctica.
Finalmente, destacar que realizaremos tamén unha autoavaliación da labor docente
seguindo os criterios como os que se mostran a continuación:
- Mostrouse unha actitude de escoita, aberta ós gustos e opinións do alumnado.
- Creouse un clima de respecto e afecto, adaptado ás necesidades individuais do
alumnado, que invita á observación e á aprendizaxe, dando cabida ás propostas
creativas do alumnado.
- Actuouse como guía e acompañante no proceso de desenvolvemento e aprendizaxe,
empregando materiais axeitados e motivadores para a execución das actividades.
- Os espazos e tempos foron axeitados e adaptados os ritmos evolutivos de cada un
dos nenos e nenas.
